Preguntas frecuentes: aerotermia, xeotermia, bomba de calor

Preguntas frecuentes

A continuación, respondemos a algunhas das preguntas que máis nos fan os nosos clientes

  • Ventilación
  • Sistemas de emisión
  • Fotovoltaica
  • Xeotermia
  • Aerotermia

A ventilación con recuperación de calor é un sistema de ventilación onde se garante a calidade do aire de xeito eficiente, xa que para evitar a perda de enerxía cando ventilamos estes sistemas empregan un recuperador de calor, filtrando e aclimatando o aire que entra dende o exterior, conseguindo un alto grao de confort térmico e un aire limpo e renovado, expulsando ao exterior os axentes nocivos presentes no aire viciado.

Existen múltiples vantaxes neste tipo de ventilación, pero unha das máis importantes é o aforro enerxético, xa que a renovación do aire viciado realízase sen perdas térmicas grazas ao recuperador de calor. Outra das súas múltiples vantaxes é que o aire que entra nas estancias é un aire puro e renovado, xa que pasa por uns filtros evitando a acumulación de ácaros, humidades e bacterias.

Ditas vantaxes levan engadido o respecto polo medio ambiente, a súa sinxela instalación e o confort que proporciona, xa que se trata dunha ventilación uniforme e constante.

Existen dous tipos de ventilación mecánica controlada con recuperador de calor:
Ventilación con recuperación descentralizada: consiste en colocar un único sistema illado en cada parede exterior que toma o aire fresco do exterior e extrae o aire viciado do interior, intercambiando a temperatura no seu interior.
Ventilación con recuperador de calor centralizada: consisten en centralizar a ventilación nun punto ata o que chega e sae o aire cara ás distintas estancias da casa a través dunha rede invisible de condutos, aloxados no falso teito ou parede.

O chan radiante é un sistema de emisión que consiste na circulación de auga a baixa temperatura por tubaxes instaladas baixo o pavimento. Isto permite que a calor se distribúa uniformemente por toda a estancia, favorecendo a sensación de confort e reducindo os custos de funcionamento. O chan radiante tamén pode ser refrescante, para iso faremos circular a auga a unha temperatura de entre 12-19ºC, proporcionando unha agradable sensación de frescor.

A temperatura mínima de impulsión en modo refrixeración varía en función da humidade do ambiente.

A bomba de calor (en modo calefacción) para alcanzar os seus mellores rendementos debe impulsar a auga a uns 30-40ºC. Por iso resulta tan importante contar con sistemas de emisión que funcionen a baixa temperatura, coma os termoconvectores ou ventiloconvectores. Isto non quere dicir que o uso de sistemas de emisión que precisan maior temperatura, coma os radiadores tradicionais, non se poidan empregar, só que a súa utilización non permitirá á bomba de calor conseguir o seu máximo rendemento. Aínda así, este rendemento será moi superior ao que poderíamos alcanzar cunha caldeira tradicional (gas/gasóleo).

Os radiadores de baixa temperatura, como o seu nome indica, son sistemas de emisión que traballan con auga a baixa temperatura.
Mentres que os radiadores convencionais necesitan alcanzar temperaturas entre 55-80ºC, os de baixa temperatura poden funcionar perfectamente entre os 35-50ºC, ademais os radiadores de baixa temperatura conteñen un 80-90% menos de auga que un radiador convencional.

Claramente si. Ao precisar de menor cantidade de auga e menor temperatura, o aforro na enerxía a producir é moi elevado. É por iso que se combina perfectamente coas bombas de calor.
Existen dous tipos de radiadores de baixa temperatura: estáticos (convección natural), e dinámicos ou ventiloconvectores (convección forzada).

A instalación de chan radiante permite colocar calquera tipo de pavimento (cerámica, parqué, etc.), aínda que os máis aconsellables son os cerámicos porque teñen unha alta condutividade térmica.

É unha enerxía renovable que aproveita a calor contida no aire para climatizar a nosa vivenda grazas a unha bomba de calor e así obter calefacción, refrixeración e auga quente.

Non, non se require de moito espazo. No caso de que se trate dunha bomba de calor bibloc, teríamos que instalar unha unidade exterior e unha interior, do tamaño e aparencia dun frigorífico, mentres que na bomba de calor monobloc só sería necesario instalar unha unidade exterior.

Tanto a xeotermia como a aerotermia utilizan fontes de enerxía inesgotables para climatizar unha vivenda, pero o xeito de conseguir esta enerxía é distinta, na aerotermia aprovéitase a calor contida no aire e na xeotermia a temperatura do terreo para obter calefacción, refrixeración e auga quente para unha vivenda.

O funcionamento da aerotermia consiste basicamente nun intercambio de calor, empregando unha bomba de calor aerotérmica. A bomba de calor toma a enerxía térmica do aire e transfírea a un líquido refrixerante mediante un intercambiador. Este líquido pasa a estado gasoso e chega a un compresor onde aumenta a presión e en consecuencia a temperatura do gas refrixerante. Este aumento de temperatura emprégase para quentar un fluxo de auga que é a que transporta a calor cara ao interior da vivenda a través do sistema de emisión correspondente (chan radiante, radiadores, fancoils, etc.). Este proceso pódese inverter para extraer a calor interior, converténdose así tamén nun sistema de refrixeración.

A xeotermia consiste no aproveitamento da calor do interior da Terra para obter enerxía renovable coa que poidamos climatizar a nosa vivenda grazas a unha bomba de calor e así obter calefacción, refrixeración e auga quente.

Si, polo xeral podemos dicir que si se pode instalar en calquera sitio, unicamente é preciso dispoñer dun terreo para poder facer a captación, sempre e cando non se trate dun chan protexido ou dun recurso empregado por un balneario, hotel, etc.

O período de retorno do investimento sitúase arredor dos 6-7 anos fronte a unha instalación tradicional de gas ou gasóleo.
Este período de tempo pode variar en función de factores como a zona climática, a superficie a climatizar e o nivel de illamento da vivenda. Canto máis severa sexa a zona climática, máis grande sexa a vivenda e peor sexa o nivel de illamento, maior será o aforro e menor o tempo necesario para amortizar o investimento. A xeotermia é máis interesante e se amortiza máis rapidamente canto maior sexa a nosa demanda enerxética.
É importante tamén destacar que este período de amortización pódese ver reducido ata nun 60% beneficiándose das subvencións que cada ano aproban as distintas comunidades autónomas do noso país.

O investimento inicial nunha vivenda unifamiliar de aproximadamente 150m2 sitúase en torno aos 20.000-24.000€, dependendo das prestacións e do fabricante.

O mantemento da bomba de calor ao non realizar ningún tipo de combustión é practicamente inexistente, o que supón un aforro importante asociado a estes custos.

A enerxía solar fotovoltaica é a transformación directa da radiación solar en electricidade a través de paneis fotovoltaicos.

A diferenza principal é o uso que fan da enerxía solar, a térmica absórbea e transfórmaa en calor, mentres que a fotovoltaica emprega a enerxía do sol para transformala en electricidade.

Outra diferenza é o xeito en que se poden almacenar estas enerxías. Mentres que a enerxía fotovoltaica o fai en baterías, a térmica almacénase en depósitos de auga.

Os compoñentes principais dunha instalación solar fotovoltaica son:
Os paneis fotovoltaicos, as fixacións, inversor e baterías (opcionalmente). Outros compoñentes necesarios son as proteccións, cables e os sistemas de regulación, control e monitorización.

Si, os paneis fotovoltaicos tamén funcionan en días nubrados. Para xerar electricidade os paneis fotovoltaicos capturan a enerxía da luz do sol, non a do seu calor, por iso malia estar nubrado seguen funcionando. O que varía en función da radiación é a potencia que entregan os paneis.

Os paneis fotovoltaicos non requiren dunha limpeza moi frecuente. Con limpalos unha vez ao ano sería suficiente, a non ser que vivas nunha zona de moita polución ou moi seca onde apenas chova, onde se cadra o máis recomendable sería facelo dúas veces ao ano.

Descobre cando podes aforrar cun sistema de autoconsumo fotovoltaico con bomba de calor

Sen investimento inicial, pagaralo co aforro xerado